domingo, 26 de noviembre de 2017

Tema 1: coñecendo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL)

Entrada 1 para o módulo do profesor Eduardo Varela.
Alumna: Mª Dolores Fernandes del Pozo
Data: 13/11/2017
A reflexión sobre o proceso de ensino/aprendizaxe de linguas estranxeiras conleva a consideración de diversos elementos que actúan como variables nas que podemos basear accións de revisión e mellora educativa. Todas as variables que afectan aun modelo de ensino/aprendizaxe concreto están determinadas polo seu contexto educativo, que á súa vez vese influenciado polo contexto histórico-político, económico e sociofamiliar. Se atendemos á ensinanza de linguas no contexto territorial da Unión Europea, temos necesariamente que deternos a coñecer polo miúdo o Marco Común Europeo de Referencia para las Linguas (coa súa ingrata sigla, MCERL), que actúa como pilastra e cúpula da planificación educativa no eido da aprendizaxe de linguas estranxeiras.
Parlamento Europeo en Estrasburgo. Fonte: Pexels.com
O MCERL nace para dar resposta ás multiples necesidades que xorden no plano lingüístico á raíz da integración dos diferentes Estados europeos na Unión Europea. Esta integración, que entre outras cousas crea condicións de mobilidade xeográfica tanto laboral como académica nun contexto multilingüe de crecentes expectativas plurilingües, esixe criterios de harmonización relativos á competencia lingüística para poder xestionar as habilidades lingüísticas de xeito obxectivo e sistematizado. O MCERL elaborado polo Consello de Europa reúne, entre outros contidos, as fins, obxectivos e funcións do Marco respecto do fomento do plurilingüísmo, a competencia xeral e a competencia comunicativa respecto da lingua, os procesos de ensinanza e aprendizaxe de linguas, as metodoloxías existentes, así como as diferentes propostas de avaliación. Pero quizais o contido máis coñecido do Marco sexan os niveis comúns de referencia, que empregan niveis de logro (A,B,C) para determinar o grao co que unha persoa usuaria domina un idioma atendendo a diferentes destrezas. Aínda que non é a súa prioridade chave, o MCERL tamén introduce a noción de competencias no proceso de ensino/aprendizaxe de linguas que vai condicionar posteriormente tanto a planificación do ensino de linguas estranxeiras como a súa aprendizaxe e acreditación posterior. 
Un dos aspectos que me resultan máis interesantes á hora de analizar o trasfondo do Marco é a formulación da diferenza lingüística en termos de barreiras, en lugar de oportunidades. O MCERL fai referencia explícita no seu primeiro capítulo a que un dos obxectivos políticos no eido das linguas modernas é preparar á cidadanía europea para os "desafíos da mobilidade internacional" para a cooperación máis aló da educación, a ciencia e mais a cultura, senón tamén no "mercado e na industria". Esta afirmación, aínda que poida parecer unha máis dentro da batería de razóns que ofrece o Marco para xustificar a súa pertinencia, vertebra en realidade ao resto de xustificacións e persegue asegurar que a cidadanía pode participar no proxecto de integración e mobilidade sen que o idioma supoña un obstáculo. Sen embargo, na miña opinión, plantexar que as linguas son barreiras que hai que superar choca frontalmente co discurso a favor dun multilingüísmo harmónico, onde as linguas se conciben como patrimonio e como bens que han de ser protexidos e fomentados. Por iso, opino que existe unha certa contradicción interna no discurso do MCERL, que por outra parte é compartida pola maioría de instrumentos de ordenación e planificación lingüística multi ou plurilingüe.
Ponte nunha cidade europea. Fonte: Pexels.com
Penso que é positivo que se plantexe o ensino/aprendizaxe de linguas como unha ferramenta para a cidadanía europea que participa dun proceso de integración, mais opino que nese caso habería que apostar por un enfoque en positivo, onde as linguas se conciban como chaves que abren portas, que aportan experiencias e oportunidades, que enriquecen as nosas vidas con persoas e realidades novas, en lugar de falar de pedras no camiño que as cidadás e cidadáns europeos deben sortear se queren ter futuro neste novo escenario. Isto non só redundaría nunha mellor imaxe do ensino de linguas, senón que nos permitiría fuxir dun discurso excesivamente mercantilista e nos facilitaría poder facer fincapé nos aspectos que a miúdo quedan velados no ensino de linguas, como son os aspectos socioculturais que, por outra banda, son os que realmente axudan a apuntalar a solidariedade entre os pobos. 
A maxia de descubrir algo novo. Fonte: Pexels.com
A incorporación deste enfoque á clase de idiomas de secundaria é relativamente sinxelo. Unha posibilidade é elixir un produto ou acción que resulte de interés ao colectivo adolescente e ao que non poidan acceder plenamente por carecer de competencia lingüística. Podería tratarse, por exemplo, dun producto musical (o disco dunha banda de música de moda) ou audiovisual (unha serie popular) na lingua estranxeira. Este tipo de produtos pódense utilizar coa fin de crear unha motivación intrínseca no alumnado por aprender a lingua, por achegalos ás súas personaxes preferidas, por darlles acceso a descubrir o mundo que encerran as letras do seu grupo de música preferido. Nunha aposta de traballo por proxectos, por exemplo, poderíase plantexar un concurso de karaoke ou de dobraxe onde se traballaran na aula de lingua estranxeira os contidos do currículo correspondentes ao curso en cuestión a través das letras ou guións escollidos. Isto permitiría dotar o desenvolvemento curricular de ritmo, motivación e frescura, afondando nos valores positivos que nos aporta a aprendizaxe de linguas e contribuíndo a unha cultura plurilingüe activa.
Como conclusión, podo dicir que o MCERL representa un fabuloso exercicio de compilación, reflexión e sistematización de obxectivos no marco do contexto de integración europea que precisa seguir traballando nas motivacións referidas á aprendizaxe de linguas, onde debemos insistir nun enfoque positivo que permite construír pontes para tentar fuxir do discurso utilitarista económico que contribúe a relegar ás linguas a meros obstáculos funcionais que non aportan nada máis aló da comunicación inmediata.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Actividad para PMAR (Luz y Ana)

En esta entrada propongo una actividad específicamente diseñada para un grupo PMAR. El objetivo de la actividad sería que el alumnado desarr...