jueves, 21 de diciembre de 2017

Tema 5: Diario. As programacións didácticas vixentes

Entrada (diario) sobre o tema 5 para o módulo impartido polo profesor Gonzalo Constenla.
Alumna: Mª Dolores Fernandes del Pozo

Unha vez abordados os cimentos do deseño curricular, avanzamos na nosa folla de ruta para meternos de cheo no concepto de programación didáctica a través da presentación teórica das fases e tipos de programación, así como das programacións vixentes para ESO, Bacharelato, FP e EOI.
Programar ou non programar. Non hai question. Fonte: Pexels.com
As programacións didácticas son os instrumentos que nos permiten concretar o currículum a nivel do centro educativo. Están elaboradas polo equipo docente da materia en cuestión e recollen aqueles aspectos que xa veñen determinados polo primeiro nivel de concreción curricular (normativa), e engaden os aspectos propios da ensinanza, como poden ser os obxectivos didácticos, as metodoloxías recomendadas, os sistemas e instrumentos de avaliación e as medidas de atención á diversidade. Non deben confundirse coas unidades didácticas (programación de aula), que son os instrumentos de programación propios do seguinte nivel de concreción curricular (terceiro) empregados polos docentes para planificar e estruturar o desenvolvemento do temario para cada grupo-aula.

A importancia das programacións de centro reside no feito de que son o instrumento que, xunto coas unidades didácticas, permiten incorporar ao deseño curricular todos os elementos propios do centro e do alumnado ao que van dirixidas, valéndose das fontes de programación (didáctica, psicolóxica, sociolóxica e epistemolóxica). A vixencia compartida entre a LOE e a LOMCE fai que as programacións actuais para o ensino secundario, Bacharelato, FP e EOI teñan que cumplir cunha serie de requisitos previstos en ámbalas dúas leis, circunstancia que ten creado unha importante confusión nos centros. Cada ano dende o ano 2015 publícase unha Resolución sobre a implantación do currículo que recolle (habitualmente no Capítulo V) os requisitos que han de cumplir as programacións. A modo de exemplo, as programacións no ensino secundario han de conter, entre outros, unha contextualización tanto normativa como do propio centro, establecer uns obxectivos didácticos para a ensinanza en cada curso, estruturar os contidos, estándares, criterios de avaliación e os indicadores de logro, describir as actividades extraescolares previstas, determinar os recursos dispoñibles no centro e no departamento, recoller as medidas de atención á diversidade e prever os correspondentes sistemas de autoavaliación do ensino e da propia programación. Outro exemplo é o das EOI, onde os grandes bloques de contidos das programacións son: os obxectivos (xerais e específicos), os recursos humanos e materiais, os horarios, a carga lectiva, o nº de alumnado, a revisión dos resultados do curso anterior ou os datos do novo curso, as programacións didácticas e as actividades culturais. 

Unha circunstancia que nos resultou especialmente chamativa foi o feito de que en Galicia, os obxectivos para a materia de primeira lingua estranxeira non veñen explicitados no Decreto galego do currículo, cando si están recollidos nos currículos doutras Comunidades Autónomas como Aragón, que incluso chega a concretalos por lingua (no noso caso, inglés). Isto dota dunha maior importancia, se cabe, ás programacións didácticas, pois nelas vanse fusionar os obxectivos xerais do ensino correspondente cos contidos da área/materia en cuestión.

Asimesmo, tal e como indicabamos anteriormente as programacións deben contar cun sistema de autoavaliación, cuxos resultados se recollen na memoria anual. Nesta memoria avalíase tanto o cumprimento da programación como a temporalización, para saber qué alumnado adquiriu qué competencias/coñecementos e qué axustes deben aplicarse á programación do seguinte ano. O ideal é que o seguemento da programación se faga casi con cada unidade didáctica impartida, para garantir un seguemento activo e real por parte do coordinador do curso, da Xefatura de Departamento e, en última instancia, da Xefatura de Estudos. No caso particular das EOI, a Xefatura de Estudos, por delegación da Dirección do centro, supervisa o desenvolvemento e cumprimento das programacións e a súa adaptación á normativa vixente. A memoria redáctaa a xefatura do Dpto e entrégase á xefatura de estudos no prazo que estableza a dirección da escola, de acordo co calendario disposto.  Como as probas de certificación son probas unificadas (é dicir, teñen lugar o mesmo día, á mesma hora), os Departamentos limítanse a analizar se o que se avalía ten relación co que se impartiu. A inspección prevé ademais que se realice unha enquisa ao alumnado sobre diversos aspectos da docencia e do centro. Debe haber tamén unha serie de instrumentos para a avaliación interna do centro.

Podemos concluir que un dos maiores esforzos docentes debe reservarse á actividade programación, pois máis aló dos requisitos normativos, nela reside en gran medida o éxito ou fracaso do proxecto educativo previsto polo centro e polas institucións e estamentos que deseñan e velan polo cumplimento do currículum. Neste sentido, é importante coñecer ben os requisitos previstos na normativa vixente para as programacións, de modo que o esforzo de programación que se faga teña en conta a natureza poliédrica do ensino e as ineludibles cuestións de forma que permiten á inspección educativa realizar un seguemento sistematizado da implantación do currículo no sistema educativo galego.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Actividad para PMAR (Luz y Ana)

En esta entrada propongo una actividad específicamente diseñada para un grupo PMAR. El objetivo de la actividad sería que el alumnado desarr...