Alumna: Mª Dolores Fernandes del Pozo
Os temas 7 e 8 abordan numerosos aspectos que teñen que ver con cómo se ensina/ba e aprende/aprendía a lingua estranxeira nos países da nosa contorna máis inmediata e alén desta. No tema 7 comentamos cál é a situación do ensino de linguas en España respecto do resto de países da UE, valéndonos dos datos recollidos por estudos de carácter internacional como os do Eurostat, os do Eurobarómetro ou os da OCDE (Informe Pisa). Nestas avaliacións España non sae moi ben parada: detéctanse de xeito continuado resultados deficientes que sinalan carencias estruturais no ensino de lingua estranxeira (e doutras materias), como o feito de que o profesorado de secundaria non conte con formación pedagóxica específica de calidade.
Mirar ao noso arredor para mellorar. Fonte: Pexels.com |
En contraste cos paupérrimos resultados españois, presentouse tamén o caso finés e déronse as claves de por qué o sistema educativo finés acadou a primeira posición nas clasificacións internacionais sobre educación nun periodo de menos de vinte anos. Asimesmo, tamén se desgranaron algunhas das claves da política educativa lingúística que permiten a Finlandia seguir sendo un referente no ensino de linguas. Malia que existen algunhas medidas que poderían ser fácilmente aplicadas no sistema español, na miña opinión as condicións de partida do sistema finés son moi diferentes. Por exemplo, a política audiovisual do país respecto das películas estranxeiras emitidas en televisión é diferente (en Finlandia subtitúlanse, mentres que en España continúan a dobrarse, malia que coa TDT existe a posibilidade de escoitalas en lingua orixinal). Tense comprobado que isto ten unha importante incidencia na aprendizaxe de linguas estranxeiras hexemónicas coma o inglés (véxase o caso de Portugal), polo menos durante o período histórico no que a televisión era a única fonte de entretemento audiovisual da poboación. Hoxe en día, isto é algo que en España está perdido porque existe unha nova cultura de consumo audiovisual que emprega plataformas de contidos en liña que empregan as súas propias políticas lingüísticas, ata o de agora de calidade bastante insuficiente.
A continuación, xa no tema 8, pasamos a abordar os diferentes métodos de ensino-aprendizaxe de linguas que se teñen utilizado ao longo da historia en diferentes puntos da xeografía mundial. Falamos dos métodos:
- Gramática e tradución (Alemania)
- Natural (EE.UU.) > Método Directo
- Método Directo (Francia e Alemania)
- Método oral e ensino situacional de linguas (Reino Unido)
- Método audiolingüe (EE.UU.)
- Método comunicativo (Reino Unido)
- Resposta física total (EE.UU.)
- Método do silencio (Exipto-Europa)
- Suxestopedia (Bulgaria)
- Traballo por tarefas (India e mundo anglosaxón) > Traballo por proxectos
To speak or not to speak. Is that the question? Fonte: Pexels.com |
Finalmente, tamén se presentaron os resultados de tres probas que comparaban os resultados da aprendizaxe de lingua estranxeira en España e no Reino Unido (European network of policy makers for the
evaluation of education systems, Comisión Europea, Eurostat) e se analizaron os sistemas educativos e os resultados de éxito de Canadá, Estonia, Finlandia e Corea do Sur a través de sendas presentacións de tres compañeiras. Salvo no caso de Corea do Sur, onde existe unha enorme presión sobre o alumnado para a mellora constante do seu rendemento académico que non fai deste sistema un exemplo a seguir, o resto de historias de éxito comparten unha serie de factores que deben ser tidos en conta en países como España, onde os resultados académicos están lonxe do que deberían ser. Algúns destes denominadores comúns son:
- A inversión en Educación debe ser razoable e suficiente, pero o que máis importa é que a xestión dos recursos existentes sexa eficaz
- A planificación educativa non ten por qué facerse necesariamente de forma centralizada ou descentralizada, pero debe existir unha planificación que aborde explícitamente todos os aspectos críticos para o axeitado rendemento académico do alumnado e o correcto funcionamiento do sistema educativo
- O sistema debe ser equitativo
- A formación do profesorado debe ser de excelente calidade e o acceso á función docente debe seguir procedementos estrictos
- Do mesmo xeito, a profesión docente debe estar axeitadamente retribuída e debe contar cunha boa reputación social
En definitiva, os temas 7 e 8 servíronnos para reflexionar sobre ónde estamos respecto do resto de sistemas educativos da nosa contorna e cara ónde podemos e queremos camiñar, en función dos exemplos e experiencias vividas noutros países. Para min, o máis útil foi revisar os diferentes métodos no seu contexto histórico-xeográfico, pois permite comprender mellor cómo entronca cada tradición educativa con cada sistema político e social e, deste modo, facilita a lectura que podemos facer das nosas necesidades e das solucións que están á nosa disposición como docentes de lingua estranxeira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario