martes, 26 de diciembre de 2017

Temas 7 e 8: Dossier. O ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras alén do contexto español

Entrada (dossier) sobre os temas 7 e 8 para o módulo impartido polo profesor Gonzalo Constenla.
Alumna: Mª Dolores Fernandes del Pozo

O ensino de linguas, constante renovación. Fonte: Pexels.com
A explicación dos temas 7 e 8, como xa apuntamos brevemente na entrada de diario para estes mesmos temas, estivo salpimentada con diferentes presentacións de compañeiras/os que se centraron tanto en expoñer as características dos métodos de ensinanza-aprendizaxe de linguas tradicionais (e non tan tradicionais) como dos sistemas educativos vixentes nos países do noso arredor, aínda que tamén houbo unha presentación sobre os Proxectos Lingüísticos de Centro (PLC) á que lamentablemente eu non puiden asistir por atoparme ausente debido a un compromiso profesional. Na presentación sobre metodoloxía de traballo por proxectos, formulei unha pregunta para saber se se contemplaban actividades individuais e, de ser o caso, cómo se realizaba a avaliación global da materia. A compañeira Clara, autora da presentación, explicounos que no traballo por proxectos están previstas tanto actividades individuais como en grupo, polo que a avaliación faise a ese dous niveis. O docente da materia engadiu que o ideal é levar a cabo este tipo de iniciativas en conxunción con varias materias, o cal esixe que o proxecto estea recollido no PLC.

O formato de aprendizaxe inversa (flipped learning), onde é o propio alumnado o que realiza as tarefas de documentación, preparación e exposición, ten múltiples vantaxes, como puido comprobarse nas aulas e como xa comentamos nalgunha ocasión anterior. As presentacións permiten que o alumnado explore en profundidade un aspecto do seu interese, que o comparta co resto do grupo e, ao tempo, que o grupo interactúe con él/ela para beneficiarse da súa aprendizaxe. Trátase dunha metodoloxía coherente cos enfoques socioconstrutivistas da Educación, onde se concibe ao profesor/a como mero facilitador/guía da aprendizaxe activa do alumnado, e tamén se integra ben na metodoloxía de traballo por tarefas, malia que neste caso a tarefa de preparar e expoñer un tema tiña que facerse de xeito individual e non colectivo, como se aconsella no traballo por tarefas.

Cubo de Rubik. Fonte: Pexels.com
Tamén empregamos unha actividade novidosa para o tratamento dos temas 7 e 8, que foi unha actividade de análise-debate puzzle. Seguindo esta metodoloxía, en grupos tivemos que analizar unha unidade dun libro de texto, que no noso caso foi o libro Beyond de nivel A2. Cada membro do grupo ocupábase de analizar un parámetro (destrezas básicas: recepción e produción, e destrezas lingúísticas: gramática, léxico, fonética e entoación), empregando unha grella onde debía anotar as características atopadas. Esa análise individual despois había que poñela en común cos membros do grupo contrario que analizaran o mesmo parámetro empregando outra grella e, unha vez rematado o intercambio, o grupo orixinal debía reunirse para comentar cada un dos parámetros analizados e en qué se semellaban/diferenzaban cos parámetros analizados polo grupo contrario. Esta actividade pareceume moi interesante porque implicou a participación activa de todas e cada unha das persoas do grupo, outorgándolles unha responsabilidade individual fronte ao grupo e permitindo obter unha análise de maior fondura ao realizar os intercambios cos mebros dos outros grupos. Mais que unha actividade puzzle, deume a impresión de estar facendo unha actividade Rubik, porque ao final o que estabamos a facer era analizar as diferentes formas nas que se podían combinar as metodoloxías e os contidos para organizar unha unidade didáctica ou, noutras palabras, cómo observar as diferentes caras dun mesmo prisma.

Finalmente, para os temas 7 e 8 tivemos que realizar unha actividade de documentación sobre dous métodos de ensino de linguas e aplicalos a dúas actividades extraídas da unidade didáctica realizada para a materia de Deseño Curricular do módulo común do Mestrado. Teño que dicir que esta foi a actividade que máis disfrutei, porque foi a única que me permitiu poñer en práctica o aprendido e tentar traducilo a un material pedagóxico real, salvando os erros que posiblemente cometín no proceso, e tería agradecido poder presentar estas propostas durante as aulas para recibir feedback durante as sesións presenciais. En calquera caso, foi un pracer e un desafío tratar de deseñar materiais aplicando unha nova mirada e perseguindo uns obxectivos moi distintos daqueles aos que estou afeita.




No hay comentarios:

Publicar un comentario

Actividad para PMAR (Luz y Ana)

En esta entrada propongo una actividad específicamente diseñada para un grupo PMAR. El objetivo de la actividad sería que el alumnado desarr...